O Ministerio de Facenda 'levanta' o plan de axuste ao que estaba sometido Sanxenxo desde 2012

Sanxenxo
20 de setembro 2022

Este plan obrigou a unha contención do gasto e unha estabilidade orzamentaria que, segundo o goberno municipal, será a norma de aquí en diante

A ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero
A ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero / Gobierno de España

O Ministerio de Facenda aceptou a solicitude do Concello para dar por finalizado o plan de axuste económico ao que estaba sometido Sanxenxo desde o ano 2012. 

Desde o goberno local destacan que transcorreron 10 anos nos que Sanxenxo fixo un "exercicio de prudencia" na xestión económica "que lle permitiu reducir a súa débeda dos 13,1 millóns de euros do ano 2012 á situación actual que é de débeda cero".

Engaden que a situación de equilibrio económico actual "é o resultado do esforzo de catro gobernos", o presidido por Catalina González entre 2012 e 2015, o cuadripartito liderado por Gonzalo Pita entre 2015 e 2017 e os dous gobernos de Telmo Martín entre 2017 e 2022.

En 2012 o plan de axuste obrigou a tomar decisións "moi difíciles" que conlevaron importantes recortes nalgúns servizos "que aos veciños loxicamente custoulles entender", recoñece o Concello. "Tamén, houbo que establecer unha disciplina no control do gasto que nos permitiu alcanzar a situación de equilibrio actual", indica o goberno local. 

O executivo que dirixe o alcalde Telmo Martín destaca que "Sanxenxo é un concello que paga aos seus provedores sen atrasos e que deixou atrás, definitivamente, a época das facturas esquecidas nos caixóns que entón era tan habitual no conxunto das administracións". 

Ademais, sinalan que "desde 2017 Sanxenxo foi capaz de compaxinar a redución da débeda coa baixada de impostos ata o mínimo (IBI 0,40% e 95% bonificación de plusvalía en residencia habitual) o impulso de numerosas actuacións nas sete parroquias en colaboración con outras administracións e a mellora dos servizos municipais como garderías, centro de día, SAF, escola de música, piscina municipal, reforzos de verán, etc.; actuacións de interese social que só serán posibles mentres o Concello manteña contida a súa débeda".

O goberno local cre que "se aveciñan tempos malos para a economía", pero sostén que "Sanxenxo afróntaos nas mellores condicións". 

"Aproveitamos os últimos anos para impulsar proxectos que os veciños levaban demandando desde hai moitos anos, imos modernizar a rede de saneamento, depuración e abastecemento de auga grazas ao convenio con Acuaes e as melloras que terá que facer a nova concesionaria. Entre ambas as actuacións supoñen un investimento superior a 30 millóns de euros e, por último, temos unha situación de equilibrio económico que nos dá unha marxe para poder amortecer os malos tempos", conclúe.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora