O miradoiro sobre o Lérez na Avenida de Bos Aires reabrirá totalmente renovado

Pontevedra
21 de febreiro 2024

Para reabrir todo este espazo verde, retirarase todo o entarimado que estaba apodrecido e soportado sobre piares de madeira, que tamén resultaban perigosos. A cambio, mellorarase toda a zona coa colocación de xabre compactado e se abrirá o espazo ao río con varandas metálicas 

Obras de renovación do miradoiro sobre o Lérez na Avenida de Bos Aires
Obras de renovación do miradoiro sobre o Lérez na Avenida de Bos Aires / Concello de Pontevedra

O goberno municipal acordou renovar integramente o miradoiro sobre o río Lérez que se atopa na Avenida de Bos Aires, á altura do antigo edificio de Maxisterio. As obras para arrombar todo este espazo xa comezaron e, se o tempo acompaña, poderían rematar na vindeira semana.

O miradoiro tiña unha tarima de madeira pilotada sobre un dos noiros do río. Frecuentemente pechaba ao uso peonil porque resultaba esvaradiza e perigosa por ser unha zona sombría.

Ademais, o Concello detectara que os piares que sostiñan parte do voadizo do miradoiro estaban deteriorados e tiñan que ser retirados.

Así, para reabrir todo este espazo verde, a concellería de servizos urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda, optou por retirar todo o entarimado que estaba apodrecido e soportado sobre piares de madeira, que tamén resultaban perigosos.

A cambio, mellorarase toda a zona coa colocación de xabre compactado e se abrirá o espazo ao río con varandas metálicas que permitan observar a lámina de auga.