O módulo educativo da prisión da Lama acolle un intercambio europeo

A Lama
08 de marzo 2022

Unha delegación educativa francesa e rumana participa nun proxecto de intercambio europeo co centro educativo para adultos "Nelson Mandela" do centro penitenciario lamense

O módulo educativo da prisión da Lama acolle un intercambio europeo
O módulo educativo da prisión da Lama acolle un intercambio europeo / Concello da Lama

O tenente de alcalde David Carrera, membros da corporación municipal do Concello da Lama e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, recibiron este martes a unha delegación educativa francesa e rumana que participa nun proxecto de intercambio europeo co centro educativo para adultos "Nelson Mandela" do centro penitenciario lamense.

A delegación foi recibida tamén por varias autoridades educativas da Xunta de Galicia que aproveitaron o encontro para intercambiar saúdos e experiencias formativa ao redor do específico mundo carcerario marcado pola itinerancia, a reinserción e a problemática que rodea aos beneficiarios destes servizos educativos.

Ademais do tenente alcalde, David Carrera, tomaron a palabra o director xeral de Centros da Xunta, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, o inspector de centros, Pedro Areal; o coordinador da delegación francesa, Julien Velten; e a coordinadora do proxecto europeo en España e xefa de estudos da EPAPU "Nelson Mandela", Marta García Prol.

Esta visita encádrase no intercambio do programa educativo europeo "Dis4P" do que forman parte o Departamento de Educación do Centro Penitenciario de Gherla (Rumanía); a Organización non gubernamental CPIP, cuyo obxectivo é a cooperación e a innovación nas prisións (Rumanía); a Unidade Pedagóxica Rexional Auvernia-Ródano-Alpes (Francia) + Formación GIPAL e o Centro de Ensino de Adultos (EPAPU) "Nelson Mandela", do Centro Penitenciario da Lama.

O proxecto Dis4 P nace co obxectivo de emendar algúns dos problemas que presenta a educación en prisións e que son comúns en calquera centro educativo destas características en Europa. Céntrase en tres partes, unha primeira de coñecemento do medio penal de cada país, outra do funcionamento destas escolas nos diferentes estados e unha última de metodoloxías aplicadas na aula dos países participantes.

Xa se realizaron dúas mobilidades a Francia, con participación galega a través do EPAPU da Lama, onde se celebrou un acto de recepción con presenza de deputados e da propia alcadesa de St. Etienne, na segunda visita.