O Mosteiro de Armenteira e a Deputación traballan para estimular a explotación comercial dos cosméticos de camelia

O Salnés
21 de novembro 2023

O mosteiro de Meis acolleu este martes unha reunión da comisión de seguimento do proxecto de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a comunidade relixiosa para o estudo de novos produtos de cosmética elaborados con aceite extraído de sementes de camelias cultivadas na provincia

Visita de Jorge Cubela ao mosteiro de Armenteira
Visita de Jorge Cubela ao mosteiro de Armenteira / Deputación de Pontevedra

O mosteiro da Armenteira, en Meis, acolleu este martes unha reunión da comisión de seguimento do proxecto de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a comunidade relixiosa para o estudo de novos produtos de cosmética elaborados con aceite extraído de sementes de camelias cultivadas na provincia.

O encontro serviu para estudar a evolución deste proxecto, con vixencia ata 2025, e contou coa presenza do deputado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela.

O obxectivo desta iniciativa é determinar a rendibilidade das plantacións de camelia e das súas sementes en Galicia, así como a calidade do seu aceite extraído por prensado en frío para o seu uso cosmético, concretamente para a elaboración de produtos naturais como xabóns, aceite puro cosmético, bálsamos labiais ou cremas corporais.

O proxecto busca concretar a produción de sementes por planta e o tempo que cada unha tardaría en chegar á súa máxima produción. Con isto, poderase esclarecer a rendibilidade de cara a futuras plantacións e, polo tanto, estimular a súa explotación comercial na provincia de Pontevedra.

O traballo conxunto da Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, e a comunidade do mosteiro da Armenteira está a abrir novas posibilidades de aproveitamento do medio rural da provincia.