"O movemento abolicionista cada vez é máis forte"

Pontevedra
02 de agosto 2015

"A tortura nin arte nin cultura", con este lema a plataforma Touradas fora de Pontevedra convoca unha nova manifestación contra as corridas de touros. A cita será o sábado 8 e a marcha partirá dende a Praza da Peregrina a partir das 20 horas

Membros de Touradas fóra de Pontevedra diante do coso de San Roque PontevedraViva

"A tortura nin arte nin cultura", con este lema a plataforma Touradas fóra de Pontevedra convoca unha nova manifestación contra as corridas de touros. A cita será o sábado 8 e a marcha partirá dende a Praza da Peregrina a partir das 20 horas.

A plataforma animalista centra as súas mensaxes no fin do convenio que mantén o Concello coa empresa dos irmáns Lozano, propietaria da Praza de Touros. Reiteran o seu rexeitamento a un acordo que dá diñeiro público a esta empresa. "Consideramos que non se pode dar osíxeno a unha empresa que non podería subsistir sen esta axuda pública", afirma unha das voceiras de Touradas fóra de Pontevedra.

Por este motivo esixen "maior compromiso" por parte do goberno local con esta causa en defensa dos animais, porque, ao seu xuízo, "parece que dan a impresión de que non queren avanzar nesta liña".

Antes das eleccións os representantes de Touradas fóra de Pontevedra mantiveron unha reunión co BNG "onde eles nos dixeron que irían pouco a pouco rematando co convenio, buscando outras alternativas,".

Tal e como desvelou o concelleiro nacionalista, César Mosquera, un dos motivos principais para manter este acordo cos propietarios do coso de San Roque é a utilización deste recinto para a celebración dos torneos medievais durante a Feira Franca.

"Se é pola celebración durante a Feira Franca do torneo medieval nós consideramos que non é necesario celebralo, a xente xa está cansa de velo", responden dende a plataforma antitaurina. Se o Concello entende que é necesario mover á xente durante a Feira Franca, eles teñen alternativas "un montón de propostas musicais, teatrais, culturais" que entenden que serían un perfecto substituto ás xustas medievais "un acto no que tamén traen cabalos e usan os animais para o divertimento da xente".

A LOITA ABOLICIONISTA CADA VEZ MÁIS FORTE

Dende Touradas fóra de Pontevedra fan un chamamento á cidadanía a participar na manifestación do día 8 de agosto "para demostrar que cada ano a loita abolicionista é máis forte", tamén en Pontevedra.

Nos últimos tempos o movemento antitaurino foi testemuña de como na Coruña, o fin das axudas municipais impediu celebrar corridas de touros. "A armazón taurina non pode sobrevivir sen as subvencións públicas", insisten.

Tamén concellos como Bueu, Poio, Moaña se declararon antitaurinos e amigos dos animais.

E na Deputación o acordo marco para o goberno das administracións provinciais de Pontevedra, Coruña e Lugo entre o PSdeG e o BNG. "Con isto poñeríase fin ao maior apoio económico e político que teñen as corridas de touros na cidade de Pontevedra", sinalan con esperanza.

Nas últimas semanas este colectivo está a desenvolver unha serie de iniciativas, tanto na rúa coma nas redes sociais, para mobilizar o maior número de cidadáns o día 8 en apoio á súa causa.