O Nadal que nos agarda: reunións de seis persoas e toque de queda á 1:00 en Noiteboa e Noitevella

Pontevedra
24 de novembro 2020

A intención do Goberno é que as reunións sociais non superen como máximo as seis persoas. En días sinalados como Noiteboa e Noitevella, o toque de queda -fixado maioritariamente ás once da noite- ampliarase ata a unha da madrugada

Mesa dunha cea de Nadal
Mesa dunha cea de Nadal / Jill Wellington / Pixabay

Queda xusto un mes para as festas do Nadal e o Goberno ultima un plan para que, en época da pandemia da covid-19, estas celebracións non supoñan un risco para a saúde pública. Haberá restricións ás reunións sociais e ampliarase o toque de queda.

Así se recolle no borrador que elaborou Sanidade e que será analizado este mércores coas comunidades autónomas para que estas medidas sexan as mesmas para toda España. 

A intención do Goberno é que as reunións sociais non superen como máximo as seis persoas. En días sinalados como Noiteboa e Noitevella, o toque de queda -fixado maioritariamente ás once da noite- ampliarase ata a unha da madrugada.

Nas reunións familiares, entre elas comidas e ceas do Nadal, recomendarase que se limiten a conviventes. Pero non estará prohibido que haxa xente allea ao domicilio. Iso si, respectando o tope máximo de seis asistentes e reforzando as medidas de protección.

E que pasa cos tradicionais encontros entre amigos ou compañeiros de traballo? Pois o Goberno pide evitalos ou, en todo caso, minimizalos. Se se celebran será con ese máximo de seis persoas e preferentemente ao aire libre ou en terrazas.

O documento aconsella ademais non celebrar cabalgatas de Reis nin eventos que contribúan a crear aglomeracións onde poida haber unha elevada transmisión do virus.

Poderanse celebrar mercados de Nadal, concertos ou visitas a espazos fixos como beléns respectando un aforo do 50%, e actividades deportivas como a carreira de San Silvestre sempre que haxa límite de aforo, saídas graduadas ou, mesmo, facéndoa en varios días.

O Goberno tamén expón que facer no caso dos estudantes universitarios que regresan a casa ou de persoas que teñen á súa familia noutras comunidades.

Neste caso, aconsellan cancelar todas as viaxes que non sexan estritamente necesarios. En caso de volver a casa, pídenlles que limiten as súas interaccións sociais os días previos a saír do seu lugar de residencia e que extremen as medidas de prevención.