O espírito do Nadal chega a Marín. Xa se comezaron a colocarse os elementos decorativos que se espallarán por distintos puntos do casco urbano e do rural e que encherán de ambiente o municipio durante as próximas semanas.
Utilizaranse 120 metros cadrados de céspede e 10 toneladas de area, 20 pequenas árbores de Nadal, 100 plantas e 30 alpacas de palla, así como bonecos decorativos na torre do reloxo da Igrexa Vella, na Praza da Capirota, na Alameda, no Palco da Música e no Parque Eguren.
Neste último espazo, haberá un belén que substituirá ao tradicional belén vivinte que se poñía todos os anos. Na entrada de Seixo haberá máis decoración cun buzón real.
Está previsto que todas estas estacións decorativas estean listas para o día 4.
Ademais, tamén se está a traballar xa na instalación do alumeado de Nadal, que se pretende ter acendido na súa totalidade o día 9 de decembro.
Marín traballa ademais o xeito de artellar algunha recepción a Papá Noel e os Reis Magos, de xeito separado e cumprindo con todas as medidas sanitarias vixentes.