O Nadal xa ilumina Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
02 de decembro 2022

A Praza de España foi o lugar elixido para o aceso oficial este xoves da iluminación de Nadal de Ponte Caldelas, que contará con medidas de aforro enerxético reducindo elementos e as horas de aceso

Acendido da iluminación de Nadal de Ponte Caldelas
Acendido da iluminación de Nadal de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas xa vive o Nadal, tras o aceso oficial da iluminación propia destas datas.

O pistoletazo de saída ás luces deuse este xoves na Praza de España, nun ano que estará marcado por medidas de aforro enerxético reducindo elementos de decoración, leds e tamén as horas de aceso.

Como novidade, sinala o goberno local, este ano instalouse na Praza de España unha árbore luminosa de 14 metros de alto transitable no seu interior.

Ademais a decoración estenderase polo rural e estará presente en todas as rotondas do municipio, na Reigosa, Cuñas, Pazos, Caritel e Forzáns.

En canto ao resto de elementos, mantense a tradicional árbore na Praza do Bispo, as luces nas camelias e as bólas colgantes da Alameda. Ademais na Praza de Placeres Castellanos ilumináronse dúas palmeiras que completan as luces presentes nas principais rúas da vila.