O neto do fundador da Banda de Música Popular de Marín que faleceu no accidente da formación, recibido no Concello

Marín
08 de novembro 2019

Ricardo  Sampablo viaxou desde Madrid para agradecer en persoa ao goberno local e á asociación Xornadas- Reencontros coa historia de Marín a homenaxe realizada ao seu avó 70 anos despois daquela traxedia

O neto do fundador da Banda de Música Popular de Marín, Ricardo  Sampablo, recibido no  Concello
O neto do fundador da Banda de Música Popular de Marín, Ricardo Sampablo, recibido no Concello / Concello de Marín

O neto do fundador da Banda de Música Popular de Marín, Ricardo Sampablo, foi recibido este venres pola alcaldesa María Ramallo uns días despois da homenaxe que a sociedade marinense rendeu ás vítimas do tráxico accidente que sufriu esta formación musical fai setenta anos.

Acompañado pola súa muller, Ana Isabel Villena, Sampablo viaxou desde Madrid á vila mariñeira, cidade natal do seu avó, para mostrar o seu agradecemento polo emotivo recordo á figura do seu avó que tivo lugar o pasado 20 de outubro.

"Foi un evento moi especial, cheo dunha gran xenerosidade", díxolle ao presidente da asociación Xornadas-Reencontros coa Historia de Marín, Angel Gargía Carragal; e á rexedora marinense.

A pesar de que Ricardo Sampablo non puido coñecer ao seu avó, si que herdou del a súa paixón pola música. Queta Molas, membro da asociación promotora da homenaxe, lembrou como o seu pai, director da banda durante uns anos despois daquel accidente, gardaba "un moi bo recordo, tanto como persoa coma músico".

Pola súa banda, Ramallo agradeceu a visita do matrimonio e tamén o labor dos organizadores por "facer posible unha homenaxe tan sentida e coidado".