O nome de Suso Vaamonde xa permanece na historia da Casa do Pobo de Regodobargo

Ponte Caldelas
16 de febreiro 2020

Este domingo 16 de febreiro con motivo do 20 aniversario do falecemento do compositor celebrábase unha homenaxe ao músico que nacía en Regodobargo en 1950. Realizouse unha ofrenda floral e un acto coa participación de diferentes artistas

Homenaxe a Suso Vaamonde en Ponte Caldelas
Homenaxe a Suso Vaamonde en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Malia que a choiva estivo presente durante este domingo en Regodobargo, o acto en homenaxe ao ilustre músico Suso Vaamonde celebrábase primeiro no río e, a continuación, na Casa do Pobo da súa localidade natal, un edificio que a partir desta data levará o seu nome.

Precisamente, o Concello de Ponte Caldelas escollía este domingo para o evento porque coincide co 20 aniversario do falecemento do cantautor. Ao mediodía realizábase a ofrenda de flores no lugar onde se depositaron as súas cinzas no río Verdugo. Un acto no que estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta Valentín García, ademais do alcalde Andrés Díaz e outros integrantes da corporación municipal.

A continuación, na Casa do Pobo Suso Vaamonde descubríase unha placa en homenaxe ao músico e o alcalde lembraba que o autor sempre levou o nome de  Regodobargo e de Ponte Caldelas a todos os lugares que visitou. Fixo mención ao seu paso por prisión motivado polo seu compromiso con Galicia e coa súa lingua sinalando que pasou 46 días no cárcere e catro anos no exilio. Suso Vaamonde foi o primeiro preso político da democracia, que conseguía posteriormente o indulto por parte do goberno do Estado.

Diferentes agrupacións participaron, tras o acto institucional, con actuacións nunha carpa situada á beira da Casa do Pobo na que non faltou un posto de polbo.