O Hospital do Salnés inicia este luns, día 6 de febreiro, a actividade diaria programada no seu novo bloque cirúrxico.
A posta en marcha do servizo prodúcese unha vez concluído o proceso de equipamento e traslado de material, executado o cronograma de controis preventivos, elaboradas as probas técnicas e celebrados varios encontros de planificación da dirección co persoal hospitalario.
O espazo conta con aproximadamente 1.500 metros cadrados e incorpora os últimos avances e tecnoloxías cirúrxicas, segundo sinala a Consellería de Sanidade.
INICIO DA ÚLTIMA FASE DE AMPLIACIÓN
Ao poñer en marcha o novo bloque cirúrxico, os espazos que deixa agora libre este servizo co seu traslado permitirán iniciar a obra da última fase de ampliación do hospital.
Esta última fase inclúe a execución dunha unidade de coidados postcirúrxicos e un novo hospital de día, que permitirá atender a pacientes dalgunhas patoloxías que actualmente deben desprazarse a Pontevedra para recibir tratamento.