O novo centro de saúde de Cotobade empezará a funcionar o vindeiro luns 19 de xaneiro na planta baixa do centro multiusos de Carballedo. Así o anunciou este venres a Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, que da por terminadas as obras para adaptar as novas instalacións.
As obras para poñer en marcha estas instalacións son froito dunha colaboración conxunta do Servizo Galego de Saúde, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Cotobade e permitiron habilitar para a Atención Primaria unha superficie de 201,50 metros cadrados.
As novas instalacións sanitarias dispoñen dun total de cinco salas asistenciais e contan cun cadro de profesionais dotado de dous facultativos, unha enfermeira, un pediatra e unha matrona.
A Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés lembra que trasladou as dependencias do anterior centro de saúde, emprazado no lugar da Igrexa, á planta baixa do novo inmoble para, deste xeito, reverter ao Concello o local onde se desenvolvía ata o de agora a actividade de Atención Primaria en Carballedo.
Coa devandita posta en funcionamento o vindeiro luns, a Administración Sanitaria galega asegura que refrenda a súa consecución de melloras constantes na calidade asistencial para a poboación do Concello de Cotobade. Nesta liña, continúan a efectuarse xestións para que este municipio forme parte próximamente da relación de concellos beneficiarios das axudas necesarias para atender os gastos de mantemento deste centro sanitario de referencia -electricidade, calefacción e limpeza-.