O novo curso da Xeración Sónica márcase como reto editar traballos propios

Pontevedra
07 de novembro 2019

O concelleiro de Xuventude e Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, visitou este xoves ao alumnado do proxecto Xeración Sónica, no que están participando 35 rapaces con idades comprendidas entre os 13 e os 16 anos

Presentación do proxecto artístico e musical "Xeración Sónica"
Presentación do proxecto artístico e musical "Xeración Sónica" / PontevedraViva

O concelleiro de Xuventude e Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, visitou este xoves ao alumnado do proxecto Xeración Sónica, no que están participando 35 rapaces con idades comprendidas entre os 13 e os 16 anos. O reto deste curso é editar traballos propios.

O concelleiro animounos a "aproveitar os recursos deste proxecto" e a constituírse "nunha nova xeira de músicos e músicas que deades voz á vosa propia xeración".

As sesións de formación, que están tendo lugar no Local de Música os xoves, ofrecen a posibilidade de traballar con 6 proxectos musicais diferentes. Ademais, xa de partida están programados catro eventos fixos: un concerto de presentación, e actuacións no marco do Culturgal, do Galegote e do Surfing de Lérez. Tamén se está a traballar na edición dos traballos que se están a realizar no marco do programa.

Xeración Sónica, un proxecto recente que inicia a segunda edición neste curso, ten como finalidade promover o interese polas artes e a cultura entre a mocidade, axudándolle a crear propostas artísticas para a comunidade da que forman parte.

No programa trabállase co obxectivo de converter as artes nunha ferramenta de participación social e de crecemento cultural e educativo, así como nun vehículo do pensamento emocional e mesmo como posibilidade de futuro profesional.