O novo Goberno de Ángel Moldes pon en marcha un plan de limpeza no concello

Poio
20 de xuño 2023

Operarios municipais comezaron en Combarro a posta a punto dunha fonte, e nos próximos días poñerase especial atención nos accesos ás praias, paseos e sendas

Operarios municipais limpando unha fonte en Combarro Concello de Poio - Arquivo

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, inicia o seu mandato cun plan de limpeza con operarios municipais para "poñer a punto o concello". 

A primeira actuación xa se fixo este luns, e consistiu na limpeza dunha fonte en Combarro, dando así resposta ás reclamacións que viñan facendo os veciños desde hai anos, e que consistiu na eliminación de maleza e chorreo.

O novo goberno local quere poñer nos próximos días especial atención na mellora dos acesos ás praias, así como nos paseos e sendas. En resumo, segundo explica Moldes, "trátase de aproveitar todos os nosos recursos propios para ofrecer a mellor imaxe de Poio aos nosos veciños, queremos un concello limpo e coidado".

Para conseguilo, o alcalde quere priorizar que todos os traballos que se poidan realizar con persoal propio do concello. "Non se entendía que, coa débeda que soporta Poio, ata o de agora se contratasen empresas externas para facer este tipo de traballos, mentres as nosas máquinas estaban paradas", dixo Moldes. 

Neste senso, o alcalde incide en que "a situación económica é complicada e temos que xestionar con poucos recursos. Estamos en xuño e hai partidas económicas que xa se están esgotando. Non é unha escusa, é unha realidade que nos obriga a ser enxeñosos e xestionar con cautela e prudencia. Por iso, todo o que se poida facer cos recursos humanos e materiais do concello, vaise aproveitar, porque ademais contamos con grandes profesionais para realizalo".

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora