Entrega de medallas, homenaxe a Nito, pregón e chupinazo por San Xoán

Poio
23 de xuño 2023

O alcalde Ángel Moldes animou a gozar destas festas con “sentidiño” e a participar en toda a programación que terá como acto central as fogueiras da noite deste venres

Festas de San Xoan en Poio
Festas de San Xoan en Poio / PontevedraViva

O chupinazo do lanzamento do foguete desde o balcón da Casa do Concello de Poio marcou este xoves o inicio das festas patronais de San Xoán.

Previamente Rodrigo Cota leu o seu pregón no que lembrou a súa etapa como veciño de Poio, con multitude de anécdotas persoais e loubanzas ao municipio, especialmente a Campelo, aínda que os asistentes a este discurso pouco caso fixéronlle o que levou ao pregoeiro para reprocharlles "non me estades facendo nin puto caso" o que provocou a risa e o aplauso do público.

O acto tamén incluíu a entrega dos premios Deportes 2023 e a estrea dunha danza branca e unha contradanza para iniciar unha tradición que teñen moitos municipios e aproveitar pezas como a Muiñeira de Poio e a Foliada de Campelo.

De maneira improvisada, o arranque das festas tamén serviu como un acto de homenaxe popular ao alcalde saínte de Poio, Luciano Sobral ‘Nito’ que recibiu emocionado este agarimo dos seus veciños.

O alcalde Ángel Moldes animou a gozar destas festas con “sentidiño” e a participar en toda a programación que terá como acto central as fogueiras da noite deste venres.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora