O novo regulamento do pleno terá que esperar, como mínimo, ata a sesión de xullo

Pontevedra
14 de xuño 2017

Non será aínda no pleno deste mes, previsto para o vindeiro luns 19 de xuño, cando entre en vigor o novo regulamento que rexerá o funcionamento destas sesións da corporación municipal. A intención é cambiar o día de celebración, acoutar o número de mocións e limitar o tempo das intervencións, entre outras cuestións

Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra
Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra / Mónica Patxot

Non será aínda no pleno deste mes, previsto para o vindeiro luns 19 de xuño, cando entre en vigor o novo regulamento que rexerá o funcionamento destas sesións da corporación municipal. A intención é cambiar o día de celebración, acoutar o número de mocións e limitar o tempo das intervencións, entre outras cuestións.

O BNG, a través do alcalde, fixo chegar unha proposta de regulamento que trasladaría os plenos aos antepenúltimos venres de cada mes, adiantando media hora o seu inicio, que pasaría a estar fixado ás 10.30 horas.

Ademais, os nacionalistas prevén que, como máximo, cada grupo poida presentar dúas mocións, salvo o Partido Popular e o propio BNG, que ao ter un maior número de concelleiros poderían rexistrar tres iniciativas. Non habería límite en interpelacións ou preguntas aos membros do goberno.

Tamén se pretende limitar o tempo de intervención para evitar que se repitan sesións maratonianas de meses anteriores.

Así, o BNG propón que o partido que presentase a moción dispoña de cinco minutos para expoñela, deixando tres minutos ao resto dos grupos para rebatela, pechando o debate outros tres minutos do orador inicial. Sería, como máximo, vinte minutos por moción.

A proposta, presentada na xunta de portavoces, será analizada por cada grupo por separado e tratada nunha próxima comisión informativa.

O pleno do luns, por tanto, seguirá baixo o regulamento actual.

Nel, a corporación emitirá unha declaración institucional de recoñecemento ao pontevedrés Sergio Fariña e a Ignacio Echeverría, o español morto nos recentes atentados de Londres, pola súa heroica intervención; e debaterase unha proposta para que os xulgados de Pontevedra poidan levar asuntos relacionados coas cláusulas solo.

O PP presentará catro mocións para instar o arranxo exterior do pavillón municipal, para apoiar aos pensionistas venezolanos, para adoptar medidas para previr incendios forestais e para o arranxo do parque de maquinaria do Vao.

Marea rexistrou dúas, unha relacionada coa memoria histórica e outra sobre o contrato da praza de touros; as mesmas que Cidadáns, que pide actualizar o plan de emerxencias municipal e regular o estacionamento para autocaravanas. Os socialistas reclaman aparellos adaptados para maiores nos parques e o BNG que as Letras Galegas 2018 se dediquen a unha muller.