O novo tramo de senda peonil entre Major e Portonovo mellorará o acceso ás praias e as paradas de autobús

Sanxenxo
04 de maio 2019

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acaba de adxudicar estas actuacións, que teñen un prazo duns 12 meses, á empresa Arias Infraestruturas. Melloraranse as principais interseccións de acceso ás praias entre Major e Portonovo e ampliaranse as paradas de autobús para evitar interferencias na circulación

Novo tramo da senda peonil entre A Lanzada e Portonovo
Novo tramo da senda peonil entre A Lanzada e Portonovo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia acaba de formalizar o contrato para a execución das obras de construción do itinerario peonil e ciclista na estrada PO-308 no tramo comprendido entre Major e Portonovo, en Sanxenxo.

Os traballos foron adxudicados á empresa Arias Infraestruturas S.A por un importe de máis de 2,5 millóns de euros e teñen un prazo de execución duns 12 meses, de maneira que estarán listos paro o verán de 2020.

Segundo a información facilitada pola Xunta, aproveitarase a actuación para realizar intervencións complementarias que redunden en maior seguridade viaria, incluíndo a mellora nas principais interseccións de acceso ás praias neste treito Major-Portonovo, coa execución de novas glorietas e habilitando cambios de sentido. 

Ademais, ampliaranse as paradas de autobús, para que os vehículos non teñan que parar na estrada interferindo a circulación, e instalaranse sistemas de recollida de augas e canalizacións que permitan, nun futuro, a instalación de redes de telecomunicacións ou electricidade. 

Esta nova senda afecta a cinco quilómetros da estrada PO-308 e supón dar continuidade aos dous tramos que xa están en servizo no municipio de Sanxenxo, entre a praia da Lanzada e Major. Unha vez rematada esta intervención, haberá 11 quilómetros de itinerarios seguros nesta vía tan empregada no verán para o acceso ás praias.

Ademais, co remate deste último tramo, o municipio de Sanxenxo contará cunha senda continua polo lado do mar, de preto de oito quilómetros de lonxitude, desde A Lanzada ata Portonovo. A maiores, as sendas pola marxe dereita da estrada á saída de Portonovo e no treito entre Major e A Lanzada suman máis de tres quilómetros.