O núcleo da Chan en Cerdedo-Cotobade amplía a zona de mellora de mobilidade peonil

Cerdedo Cotobade
07 de xullo 2020

A Deputación asume a execución de novas beirarrúas para completar o proxecto de reforma desta zona. A ampliación conta cun orzamento de 41.388 euros

Visita das autoridades ao núcleo da Chan, recén humanizado
Visita das autoridades ao núcleo da Chan, recén humanizado / Concello de Cerdedo-Cotobade

Cun orzamento de 41.388 euros, a Deputación de Pontevedra ten previsto levar a cabo novas obras para ampliar a mellora da seguridade viaria no núcleo da Chan, no municipio de Cerdedo-Cotobade.

A intervención centrarase na construción de novas beirarrúas de maneira que se reforme o espazo público desta contorna. Trátase dun tramo de 200 metros da estrada  EP-0401 Carballedo-Caroi, que cruza este núcleo de poboación.

Desde a institución provincial indican que se enviou o documento ao Concello de Cerdedo-Cotobade coa intención de que se asine para levar a licitación o proxecto previsto. 

Con esta obra, o goberno provincia pretende mellorar a mobilidade peonil nesta zona céntrica de paso na que se concentran edificios como a Casa do concello, o centro de saúde e as oficinas de entidades bancarias. Desta forma, a proposta enmárcase dentro do modelo de mellora da mobilidade segura e sostible pola que aposta o goberno da  Deputación.

O convenio de colaboración entre a administración provincial e a local, en que achegan o 70% e o 30% do orzamento respectivamente, supuxo un investimento inicial de máis de medio millón de euros coa reforma da zona da praza da Chan en Carballedo e da capela de San Roque