O Obradoiro de Emprego de Monte Porreiro clausura as súas portas

Pontevedra
04 de abril 2014

Os 24 pontevedreses desempregados que participaron no Obradoiro de Emprego de Monte Porreiro recibiron este venres á concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, nas vésperas da clausura desta iniciativa formativa

Clausura do Obradoiro de emprego
Clausura do Obradoiro de emprego / Concello de Pontevedra

Os 24 pontevedreses desempregados que participaron no Obradoiro de Emprego de Monte Porreiro recibiron este venres á concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, nas vésperas da clausura desta iniciativa formativa que o Concello puxo en marcha coa colaboración da Consellería de Traballo.

Acolleu a 12 alumnos no módulo de Dinamización Turística e a outros 12 no de Dinamización Comercial. Os primeiros centraron as súas prácticas nas oficinas de información turística municipal e os segundos na Praza de Abastos, onde desenvolveron diferentes campañas. O corpo docente estivo integrado por cinco profesionais.

Román lamentou especialmente a escasa duración do programa, pois entende que seis meses é un período escaso para que un Obradoiro de Emprego consolide os seus resultados e ofreza, ademais dunha boa formación, posibilidades sólidas de integración no mercado laboral.

O Obradoiro de Emprego foi concedido este ano a Pontevedra despois de tres anos consecutivos nos que a Consellería de Traballo denegou a solicitude pontevedresa.

O orzamento total foi de 225.000 euros, dos que 213.000 euros corresponden á achega da Xunta e aos fondos europeos e outros 12.000, xunto coa cesión das instalacións, ao Concello.