A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou xunto co profesor da Universidade de Vigo, Pedro Figueroa, o observatorio da campaña 'Efecto PO2', unha iniciativa que traballa na profundización do modelo de Pontevedra cun compoñente de futuro. Gulías manifestou que "PO2 é a Pontevedra do futuro".
O proxecto PO2 contempla os efectos positivos para o medio ambiente na cidade. Ademáis, trata cuestións que teñen que ver coa contaminación e os seus tipos, como por exemplo a lumínica e a acústica, e medirá tamén a evolución do sistema de compostaxe. Dentro da iniciativa, unha das cuestións principais é a implementación dun observatorio para medir todos os efectos do método PO2, establecendo un sistema de indicadores que poida avaliar os resultados da aplicación no deseño urbano da cidade.
O profesor Figueroa e o grupo de investigación da Universidade de Vigo do Campus Crea de Pontevedra, están preparando a estrutura deste observatorio. Figueroa asegurou que é un proxecto ambicioso, que ten poucas referencias nas que respaldarse para levalo a cabo, e que pretende que Pontevedra sexa líder neste tipo de sistemas de información e xestión sobre o medio ambiente e a sostenibilidade.
Os obxectivos do observatorio son, por unha banda, propocionar información á Administración Local e aos axentes públicos e privados que poidan desenvolver políticas públicas no camiño da sustentabilidade sobre os indicadores máis relevantes en canto a conseguir un espazo urbano de calidade. O enfoque é holístico, e contempla todos aqueles aspectos que se interrelacionan para mellorar a calidade de vida no espazo urbano. Outra finalidade é que este plan non permaneza unicamente en ámbitos administrativos e divulgar cara a cidadanía os indicadores máis relevantes para facer un seguimento do proxecto.
O deseño deste sistema de información comezou en setembro de 2019, sendo o resultado de diversas xuntazas con especialistas do concello, empresas que xestionan os recursos urbanos, directivas a nivel internacional sobre sustentabilidade e con asociacións medioambientais. Os investigadores tomaron como referencia para este proxecto outros modelos que están a levarse a cabo en cidades semellantes a Pontevedra, segundo asegurou Figueroa.
O modelo conceptual do observatorio trata cinco ámbitos, sete variables e ao redor de cento oitenta e seis indicadores. Os diferentes ámbitos escollidos son: auga, atmosfera-clima, residuos, mobilidade e territorio. As variables a tratar son, entre outras, potabilización e distribución da auga, residuos domésticos e tratamento da materia orgánica, gases de efecto invernadoiro, calidade da auga e contaminación lumínica na atmosfera-clima, modos de desprazamento e accesibilidade en mobilidade, e cuestións como patrimonio natural e equipamento urbano no eido do territorio,
Con todo, segundo afirmou Figueroa, hai indicadores na lista que non van poder medirse debido a falta de información, o que deriva na necesidade de implantar un sistema de medición que axude a completar a información.
A data para a primeira entrega do proxecto é o 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente. Vaise facer unha presentación previa dos resultados e espérase que o informe completo estea listo a principios de xullo. O orzamento é de aproximadamente 30.000 euros.