Co obxectivo de seguir a axudar á veciñanza e ás pequenas e medianas empresas da provincia ante as consecuencias económicas da crise xerada polo COVID19, a Deputación de Pontevedra planifica un novo servizo ao través do ORAL para facilitar o fraccionamento, sen xuros, do pago dos tributos.
A medida está a ser avaliada técnica e xuridicamente para poder beneficiar ás persoas e empresas daqueles concellos que teñan delegadas na Deputación as competencias do pago e recadación tributaria.
Trátase, en definitiva, dun plan específico de pagos personalizados que posibilitaría o abono fraccionado en varios meses das cotas do IBI, o IAE, e o IVTM, unha vez se domicilien os abonos. A medida xa está a ser informada cos servizos xurídicos e económicos da Deputación, para despois ser levada á aprobación do próximo pleno provincial.
Amais, ao través do ORAL, a institución provincial tamén prestará o seu asesoramento e colaboración aos concellos, na tramitación dos expedientes necesarios para a modificación das súas ordenanzas fiscais en relación coas medidas que, na súa potestade tributaria, decidan adoptar.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.