O orzamento da Deputación supera un novo trámite tras un pleno de reproches entre goberno e oposición

Pontevedra
17 de decembro 2021

A coalición entre socialistas e nacionalistas desestima todas as reclamacións presentadas ao orzamento e acusa á oposición de falta de colaboración, mentres que os populares critican que as contas "esquecen" aos concellos pequenos e que o executivo nunca ten en conta as súas propostas

Pleno de la Deputación do 17 de decembro do 2021
Pleno de la Deputación do 17 de decembro do 2021 / Monica Patxot

O pleno da Deputación de Pontevedra deste venres serviu para que o orzamento provincial do ano 2022 supere un novo trámite. Ademais. a corporación aprobou por unanimidade a concertación dun préstamo a longo prazo de cinco millóns de euros que servirá para completar a partida para o programa ReacPon.

Foi no debate sobre as alegacións presentadas ao orzamento cando a sesión tomou un ton máis bronco. En primeiro lugar o socialista López Font debullou as alegacións presentadas e explicou por que o goberno provincial ía votar en contra.

En referencia ás emendas presentadas por tres sindicatos e unha funcionaria, o deputado sacou peito da xestión de persoal levada a cabo polo seu Goberno desde que tomaron as rendas da Deputación no 2016. Defendeu que se crearon 519 prazas e que as condicións de traballo dos funcionarios melloraron. "Máis dun de cada tres empregados, poden facer carreira administrativa en postos fixos nesta Administración", destacou.

Máis belixerante foi coas emendas presentadas polo PP, que estaban centradas principalmente en reclamar máis fondos por parte do ente provincial para o sistema dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES). Criticou Font que a oposición queira que o Goberno achegue máis recursos despois de incrementar xa a súa colaboración e acusa aos populares de querer aumentar o gasto da Deputación para que a o Xunta reduza. Asegura o socialista que o Goberno de Feijoo quere elevar a achega da Deputación aos GES nun 435 %, "é unha solicitude inadmisible".

Antes de tomar a palabra o portavoz dos populares, Jorge Cubela, foi a quenda do grupo nacionalista. O vicepresidente César Mosquera lamentou a necesidade de pasar por este trámite "porque canto antes se aprobe o orzamento, antes estará dispoñible", dixo criticando a falta de colaboración da oposición.

Comezou Cubela o seu discurso lembrando ao vicepresidente que "estamos no noso dereito de discrepar porque estamos en democracia". Logo, argumentou o rexeitamento do seu grupo ao orzamento porque "presentan as mesmas contas, para os mesmos contos", dixo antes de enumerar que o documento incrementa o gasto corrente e de persoal, que non tiveron en conta as propostas do Partido Popular e que "se esquezan" dos concellos pequenos, que só recibirán financiamento a través do Plan Concellos.

Á hora de votar, as emendas contaron co voto negativo dos 16 deputados do PSOE e o BNG, mentres que os 10 deputados populares abstivéronse.

As discrepancias entre grupos concluíron tras o debate das reclamacións ao orzamento e o resto de puntos da orde do día aprobáronse por unanimidade, sendo o asunto máis destacado a petición dun préstamo de cinco millóns de euros que servirá para completar a partida orzamentaria de ReacPon, que poñerá ao dispor dos concellos máis de vinte millóns de euros para iniciativas dirixidas a superar a crise económica derivada da pandemia.

Doutra banda, certificouse tamén por unanimidade a aprobación definitiva da Ordenanza Reguladora do Uso, Funcionamento e Organización do Castelo de Sobroso.