Nenos e nenas de todas as parroquias de Marín poden probar a práctica do paddle surf, un dos deportes acuáticos que máis está a crecer en todo o país. É a través dun programa que impulsa a Federación Galega de Surf e organiza o club Inmua Paddle Surf Aguete.
É unha iniciativa que forma parte do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia, que ofrece a práctica deste deporte a nenos e nenas menores de 16 anos durante o próximo trimestre.
O obxectivo é fomentar a práctica deportiva e a adquisición de hábitos saudables, a fin de mellorar a vida cotiá das familias equilibrando o tempo laboral, familiar e persoal.
Tras o éxito alcanzado en agosto con esta actividade, o proxecto seguirá adiante durante os próximos meses con 24 grupos de 8 nenos e nenas, repartíndose uns con clases os luns, mércores e venres, e outros con sesións os martes, xoves e sábados.
De cara á selección dos participantes no programa, a federación prioriza ás familias monoparentais, vítimas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou a unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados, así como o nivel de renda.
As persoas interesadas para a inscrición poden poñerse en contacto co club a través de llamada ou Whatssap ao 625777297 ou no email [email protected].