O padrón de Sanxenxo ten censados a 17.974 veciños, pero o Concello sinala que a poboación real e maior

Sanxenxo
17 de xaneiro 2024

O Concello sinala que os datos do informe Big Data apuntan que a poboación real de Sanxenxo nunca baixa dos 20.000 habitantes

Xente no paseo de Silgar un día de inverno
Xente no paseo de Silgar un día de inverno / Concello de Sanxenxo

Segundo o padrón municipal o 31 de decembro Sanxenxo tiña 17.974 veciños empadroados. 

Ao longo de 2023 chegouse a superar a cifra dos 18.000 habitantes que nas últimas semanas do ano volveu caer. 

A poboación de Sanxenxo creceu case 2.000 veciños no que levamos de século, xa que no ano 2000 había 16.025 habitantes. Se botamos a vista un século atrás, a poboación era a metade da actual, 8.578 veciños.

En calquera municipio, pero especialmente nun destino turístico, hai que distinguir entre a poboación de dereito, é dicir os empadroados, e un concepto máis amplo que é a poboación real que pernoita habitualmente. 

Hai xa anos que se sabe polos médicos dos centros de saúde que miles de propietarios de segundas residencias, xubilados ou teletraballadores, pasan os outonos e invernos en Sanxenxo, motivados pola suavidade do clima en comparación cos seus lugares de procedencia.

Agora o Concello dispón doutra ferramenta, o informe Big Data da Mancomunidade do Salnés, que permite saber cantas destas persoas, a maiores dos empadroados, pernoitan en Sanxenxo polo menos 15 noites seguidas de cada mes.

É evidente que estas persoas son propietarios de segundas residencias porque ninguén utiliza hoteis ou outras hospedaxes durante períodos tan longos e menos na tempada baixa.

Segundo o informe Big Data en xaneiro 2023 pernoitaron, polo menos 15 noites seguidas, 1.828 persoas, en febreiro 3.591, e en decembro 5.827.

Isto permite concluír ao Concello que a poboación real de Sanxenxo nos meses coa actividade turística máis baixa oscila entre dous mil e cinco mil persoas máis que os veciños empadroados.