O papel da xestión forestal sostible na economía dos pequenos propietarios galegos

Pontevedra
10 de marzo 2023

Ence aposta por unha relación directa co propietario ou comunidade de montes, que permite trasladar a este unha parte importante da xeración de riqueza derivada da xestión forestal. Sara Vale Pena e Manuel Calvo Rey son dous destes propietarios

Plantación de eucaliptos xestionada por Ence
Plantación de eucaliptos xestionada por Ence / Ence

Ence xestiona directamente en Galicia preto de 10.500 hectáreas de cultivos forestais e ten relación directa con propietarios de montes, provedores, asociacións e subministradores, aos que compra madeira por valor duns 100 millóns de rendas anuais. A transición cara á bioeconomía e o aumento na demanda de madeira suporá un impulso para o desenvolvemento e a xestión sostible e produtiva das masas forestais.

A compañía aposta por unha relación directa co propietario ou comunidade de montes, que permite trasladar a este unha parte importante da xeración de riqueza derivada da xestión forestal.

Esta conexión establécese a través do amplo equipo técnico de profesionais que ofrecen un asesoramento personalizado para a mellora do estado das masas forestais e aumentar a produtividade e rendibilidade das mesmas, así como o cumprimento dos estándares de calidade e sustentabilidade.

Sara Vale Pena e Manuel Calvo Rey son dous destes propietarios.

O RETO DE XESTIONAR 1.300 HECTÁREAS

Sara Vale Pena é a presidenta da Asociación de Silvicultores Costa Norte (A.S. Costa Norte), que agrupa a 180 selvicultores e propietarios forestais que posúen terreos principalmente nos concellos coruñeses de Ortigueira e Mañón, con algunha presenza no veciño municipio lugués do Vicedo.

A suma das propiedades catastrais adscritas á asociación alcanzaba a finais de 2022 máis de 1.300 hectáreas. 

Nestas parcelas obtéñense aproveitamentos principalmente do eucalipto, e na compra desta madeira aos propietarios forestais por parte de Ence o papel da Asociación de Silvicultores Costa Norte é fundamental.

"Como asociación, nós damos o servizo total ao propietario. Cando imos ao monte vai o comprador de Ence, o de aproveitamentos, o propietario e un representante da asociación, e a partir de aí vese os requisitos que se necesitan, como abrir unha pista, agrupar parcelas de pequenos propietarios... Despois xestionamos nós toda a documentación do propietario con Ence e Ence connosco", explica Sara Vale.

Podemos xerar máis de 600.000 euros directos en menos dun ano, entre propietarios, equipos e camioneiros

A relación entre Ence e a asociación dos silvicultores de Ortigueira e Mañón é clave para o fomento da economía rural. "Somos dous concellos que case o 80% do terreo é forestal. Podemos xerar máis de 600.000 euros directos en menos dun ano, entre propietarios, equipos e camioneiros, deixando aparte o secundario", apunta Vale Pena. 

Esta colaboración consolidábase en setembro de 2018 tras a adhesión da Asociación de Silvicultores Costa Norte ao Programa de Fidelización para produtores forestais de Ence. Unha iniciativa coa que Ence contribúe a mellorar a xestión forestal e premia a fidelidade das asociacións de propietarios con puntos trocables por servizos que ofrece a compañía, como planta mellorada, fertilizante, tratamentos fitosanitarios, rozas, mantemento de pistas e devasas...

O VALOR DO MINIFUNDIO FAMILIAR

Manuel Calvo Rey é técnico superior en Medio Ambiente e responsable da firma Spartana, empresa especializada en desinfección. O seu caso é o dun pequeno propietario que xestiona parcelas tipo minifundio propiedade de varios familiares que suman en conxunto algo máis de 6 hectáreas, repartidas entre os termos municipais de Negreira, Brión e A Baña.

"Ence é quen nos subministra a planta, que é moi adecuada para a nosa zona, e ao final é a quen lle acabas vendendo a madeira", resume Calvo Rey. Ter o respaldo dunha empresa experimentada para xestionar as distintas fases da produción forestal é unha garantía para que estes pequenos propietarios poidan obter un aproveitamento eficaz de todos os recursos das súas parcelas

"Eu sempre dixen que o monte é o banco da xente do rural, historicamente na miña zona se querías botar o tellado á casa vendías uns paus, eucaliptos ou pinos, ou se facía falta comprarlle un coche ao rapaz que acababa de sacar o carné, por exemplo. Ao final o monte é unha maneira de ter un investimento, e cando chega a túa quenda de talla tes un diñeiro", reflexiona Manuel Calvo.

Ter persoas de referencia na zona que traballan para Ence e che asesoran con todos os trámites é fundamental

Na súa zona a propiedade do monte repártese entre minifundios, de modo que o aproveitamento forestal "non é unha actividade á que poidas estar dedicado ao cen por cen. Por iso poder venderlle a Ence dáche a garantía de que non vas ter problemas, porque eles vanse a encargar dos permisos, o tema burocrático e administrativo, e en botarche unha man en todo o que necesites", afirma Calvo Rey. 

"Ao final tes unhas persoas de referencia e a confianza nesa xente é algo fundamental. O pequeno propietario vende madeira cada dez, quince ou vinte anos, e nese tempo pasas moi desconectado do mercado, entón ter persoas na zona que traballan para Ence e che asesoran con todos os trámites é fundamental", matiza este pequeno propietario.

Xa sexa como fonte de ingresos principal ou como apoio á economía familiar, a actividade forestal constitúe un dos eixos sobre os que se asenta a continuidade da poboación no rural de Galicia. "O rural o que necesita para estar vivo son actividades económicas e que a xente poida quedar aquí e gañar diñeiro. No rural basicamente hai catro sectores: agricultura, gandería, forestal e turismo. Se perdes un deles, perdes un 25 por cento da economía, e ao final é moi necesario", remata Manuel Calvo Rey.