O Parlamento aproba unha iniciativa socialista para resolver os problemas tecnolóxicos na Audiencia de Pontevedra

Pontevedra
19 de abril 2017

A deputada socialista, Patricia Vilán, advertiu que este problema chega a afectar á resolución de procesos xudiciais e alertou de que a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra ten actualmente dúas sentenzas pendentes de se ditar "por non poder gravar ningunha parte dos xuízos correspondentes"

Sistema de videoconferencias na Audiencia de Pontevedra
Sistema de videoconferencias na Audiencia de Pontevedra / Mónica Patxot

O Parlamento de Galicia aprobou este mercores en comisión unha proposición non de lei do grupo socialista para reclamarlle á Xunta que resolva no primeiro semestre de 2017 os problemas coas aplicacións informáticas nas videoconferencias e no sistema de gravación de xuízos na Audiencia de Pontevedra.

A deputada socialista Patricia Vilán advertiu que este problema chega a afectar á resolución de procesos xudiciais e alertou de que a Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra ten actualmente dúas sentenzas pendentes de se ditar "por non poder gravar ningunha parte dos xuízos correspondentes".

Lembra que a resposta pasa por implementar un sistema máis avanzado que o actual, pero "falla vontade política e orzamento".

Na propia Audiencia de Pontevedra o pasado 23 de febreiro deixou de gravar a seis testemuñas dun xuízo por lesións, cun preso en situación de prisión provisional, que "aí segue porque a sentenza está sen poñer logo de que quedaran sen audio nin vídeo sobre o acontecido na sala". O mesmo sucede cun xuízo por un delito de estafa, que se perdeu na súa totalidade e "a sentenza está sen poñer".

O problema, explicou, esténdese a outras salas de Galicia.