A cidade de Pontevedra non logrou escapar do aumento do paro que rexistrou a comunidade autónomica galega, a diferenza da tendencia nacional, no mes de novembro. En concreto, 32 novos pontevedreses engrosaron as listas de desemprego na cidade, un 0,43% máis que o mes anterior. Con este dato, son 7.367 pontevedreses os que buscan emprego na cidade, segundo os datos que fixo públicos este martes a Consellería de Traballo da Xunta de Galicia.
A pesar deste aumento, o goberno galego sinala que segue habendo menos desempregados que hai un ano. En Pontevedra, en novembro de 2014 había 8.118 parados, un 9,25% máis que hoxe en día.
No resto de municipios da área de influencia de Pontevedra, a tendencia foi desigual. Fronte ao notable aumento en concellos como Sanxenxo, Vilagarcía, O Grove, Marín ou Cambados, moito máis acusado que na capital, en Cotobade, Cuntis ou A Lama rexistrouse un lixeiro descenso no número de desempregados.
| Novembro 2015 | Outubro 2015 | Variación | |
| Pontevedra | 7.367 | 7.335 | 32 |
| Barro | 375 | 374 | 1 |
| Bueu | 1.021 | 975 | 46 |
| Caldas de Reis | 1.007 | 970 | 37 |
| Cambados | 1.379 | 1.328 | 51 |
| Campo Lameiro | 186 | 181 | 5 |
| Cotobade | 377 | 397 | -20 |
| Cuntis | 446 | 460 | -14 |
| O Grove | 1.059 | 981 | 78 |
| A Illa de Arousa | 353 | 364 | -11 |
| A Lama | 236 | 248 | -12 |
| Marín | 2.204 | 2.140 | 64 |
| Meaño | 537 | 525 | 12 |
| Meis | 496 | 499 | -3 |
| Moraña | 463 | 469 | -6 |
| Poio | 1.465 | 1.482 | 17 |
| Ponte Caldelas | 634 | 646 | -12 |
| Portas | 285 | 285 | 0 |
| Ribadumia | 459 | 443 | 16 |
| Sanxenxo | 1.549 | 1.437 | 112 |
| Vilaboa | 525 | 543 | -18 |
| Vilagarcía de Arousa | 4.167 | 4.088 | 79 |
| Vilanova de Arousa | 960 | 953 | 7 |
DATOS PROVINCIAIS
A provincia de Pontevedra seguiu este mes de novembro unha tendencia completamente diferente ao resto da comunidade galega. Mentres que en Galicia subiu o paro en 3.066 persoas, na provincia pontevedresa as listas do desemprego reducíronse en 241 persoas, segundo os datos que publicou este mércores o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
Trátase dun descenso do 0,27% no último mes e sitúa o total de pontevedreses no paro en 89.496. Son, en todo caso, 9.685 desempregados menos que hai un ano, unha cifra que en termos porcentuais supón unha redución do 9,76%.
De novo os servizos, ante a inminente campaña comercial de Nadal, é o sector cun mellor comportamento en novembro. Nel, atoparon traballo 229 persoas, situándose en 57.674 parados. Tamén se reduciu o paro na industria con 64 desempregados menos (11.522 en total) e na construción con 59 pontevedreses menos buscando traballo (9.349).
Pola súa banda, o paro creceu en novembro na agricultura con 118 parados máis (3.722) e no colectivo sen emprego anterior con 7 máis (7.118).
En canto á contratación, no mes de novembro formalizáronse 28.509 novos contratos. Deles, só 1.813 (un 6,36%) foron de carácter indefinido; mentres que o resto -26.696, un 93,64%- foron temporais.
(HABERÁ AMPLIACIÓN)