O parque de Baltar empeza a perder os seus emblemáticos piñeiros

Sanxenxo
22 de maio 2024

Tras a recomendación de Estación Fitopatolóxica do Areeiro de que se tallasen todos os piñeiros do parque de Baltar, debido ao seu deficiente estado, a empresa encargada destes traballos, Madeiras Villanueva, comezou este mércores o seu labor na zona próxima ao instituto

Talla dos piñeiros de Baltar
Talla dos piñeiros de Baltar / Concello de Sanxenxo

Tras a recomendación de Estación Fitopatolóxica do Areeiro de que se tallasen todos os piñeiros do parque de Baltar, debido ao seu deficiente estado, a empresa encargada destes traballos, Madeiras Villanueva, comezou este mércores o seu labor na zona próxima ao instituto.

O informe encargado polo Concello recoñece que é a opción "máis agresiva", pero a que se debe abordar pensando en que estes piñeiros "pola súa arquitectura esfiañada e as inadecuadas relacións copa, fuste e altura diámetro teñen certo risco de rotura ou caída".  

Unha vez retirados os exemplares, a Concellería de Medio Ambiente deseñará unha repoboación con árbores ben distanciadas para que crezan dunha forma correcta.   

No Paseo de Baltar, pola súa banda, a actuación limitarase reestruturar as copas máis inestables e con ramas secas realizando podas en forma de bisel.

Tamén se sanearán as ramas de grandes dimensións e iranse eliminando progresivamente as árbores con arquitectura máis deficiente a nivel estrutural para permitir o crecemento dos exemplares.

Ademais, en ambos os espazos, retiraranse os troncos cunha retroexcavadora para evitar a atracción de fungos patógenos que poida poñer en perigo ao conxunto do arboledo.