O parque de bombeiros de Pontevedra estrea as súas renovadas instalacións

Pontevedra
26 de novembro 2021

Ata medio millón de euros investiu o Concello de Pontevedra na reforma interior do parque de bombeiros, unha actuación integral que permitiu renovar todas as dependencias e mellorar tanto as zonas comúns como as áreas de descanso do persoal

Novas instalacións do parque de bombeiros de Pontevedra
Novas instalacións do parque de bombeiros de Pontevedra / Mónica Patxot

Ata medio millón de euros investiu o Concello de Pontevedra na reforma interior do parque de bombeiros, unha actuación integral que permitiu renovar todas as dependencias e mellorar tanto as zonas comúns como as áreas de descanso do persoal.

A reforma supuxo a creación dunha nova sala de descanso con novo mobiliario, ademais dun posto de telefonía fixo que evita o illamento do encargado deste punto ou a instalación de diversas pantallas que informan en tempo real dos avisos recibidos, o que permite unha mellor e máis áxil organización.

Conectada con esa primeira nova sala, está a cociña, habilitada con dúas mesas de comedor e unha serie de equipamentos duplicados como neveira, forno, microondas, vitrocerámicas e despensas individuais para os bombeiros do parque.

Para o novo mobiliario foron utilizados materiais máis doados de limpar e de maior durabilidade, asegurando unha mellor hixiene do espazo común.

Tamén foron creadas novas dependencias de descanso individuais, habitáculos con cama e luz natural en cadansúa habitación, con tecnoloxía inalámbrica na persiana e mesmo intelixente, con sensores para a choiva e peche automático, e climatización individual.

A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, destacou na súa visita ao parque que a reforma permitirá unhas mellores condicións de traballo, en tanto a seguridade, hixiene, e en canto a funcionalidade e en canto a rapidez.

"Vemos que agora contan con zonas comúns máis espaciosas, e de grandes dimensións", afirmou Vilaverde, que falou especialmente do chamado túnel, un novo camiño de traballo que conecta o hangar coas dependencias.

Alí, os bombeiros poden xa deixar as súas pezas de roupa logo dunha saída e pasar directamente ás duchas do vestiario, sen ter que avanzar por outras zonas comúns, aumentando a funcionalidade do parque, a seguridade e a limpeza do mesmo, diferenciando de xeito ben claro as zonas contaminadas e as zonas limpas.

Nese sentido, os vestiarios tamén recibiron unha reforma completa no seu equipamento e no seu mobiliario.

Doutra banda, a zona de oficinas tamén se renovou permitindo unha zona de traballo máis cómoda e amable para o día a día, incluíndo a mudanza do piso dos baños próximos.

A maiores da reforma interior, se están a rematar algunhas acometidas exteriores, como o pintado de valado principal, que melloraron a zona do parque móbil e permitiron unha máis eficiente organización e distribución dos espazos exteriores.