O parque de Médico Ballina empezará a construírse en agosto

Pontevedra
26 de xullo 2019

Os concelleiros Tino Fernández e Iván Puentes mantiveron unha reunión cos veciños do barrio para explicarlles as características dunha obra que ten un prazo de execución de tres meses

Parcela de Médico Ballina na que se construirá un parque infantil
Parcela de Médico Ballina na que se construirá un parque infantil / Concello de Pontevedra

As obras de construción do parque infantil de Médico Ballina comezarán en agosto. Os concelleiros Tino Fernández e Iván Puentes reuníronse este venres cos veciños da zona para explicarlles as características do proxecto que se realizará nunha parcela de 1.200 metros cadrados cedida por Adif e cun orzamento de 158.000 euros.

O edil responsable da área de parques infantís, Iván Puentes, declarou que "xa está todo a punto para que as obras poidan iniciarse en agosto".

Os traballos consistirán na creación dunha zona de estancia destinada aos acompañantes dos nenos na zona de entrada ao parque, mentres que na parte traseira da parcela colocaranse os xogos.

Lembran desde o Concello que o prazo máximo de execución das obras, que foron adxudicadas á empresa Bricantel, é de tres meses.