O parque forestal da Fracha impulsará plantar 11.000 árbores e eliminar 160.000 acacias

Pontevedra
14 de xuño 2017

O proxecto terá unha superficie total de 407 hectáreas e terá un orzamento total de 2,7 millóns de euros, dos que 604.000 serán de investimento real realizado para a posta en marcha do parque forestal e o resto dedicarase ao mantemento da área, cun investimento de 60.0000 euros anuais durante os 35 anos nos que será efectivo

Comisión de seguemento do parque forestal da Fracha
Comisión de seguemento do parque forestal da Fracha / Mónica Patxot

O proxecto do novo parque forestal periurbano da Fracha, que abarcará terreos das parroquias de Marcón, Tomeza e A Canicouva, terá unha superficie total de 407 hectáreas e supoñerá a plantación de ao redor de 11.000 árbores e a eliminación de 160.000 acacias.

O concelleiro de Montes, Demetrio Gómez, deu a coñecer os detalles este mércores tras participar na constitución da comisión de seguimento do parque, na que estiveron o  redactor do proxecto recentemente entregado, Javier CenteNo, e representantes das comunidades de montes implicadas. Cabe lembrar que os comuneiros de Tomeza, A Canicouva e Marcón formalizaron hai escasas semanas a cesión ao Concello de Pontevedra de preto de 150 hectáreas de terreo comunal para facer realidade este parque. 

O proxecto terá finalmente un orzamento total de 2,7 millóns de euros, dos que 604.000 serán de investimento real realizado para a posta en marcha do parque forestal e o resto dedicarase ao mantemento da área, cun investimento de 60.0000 euros anuais durante os 35 anos nos que será efectivo. 

O parque é, para Demetrio Gómez, un exemplo da política forestal que deberían facer todas as administracións públicas e na que Pontevedra segue marcando o ritmo, como xa fixo hai unha década co proxecto Monte Vivo. A idea é colaborar cos comuneiros, isto é, os propietarios do monte, para a xestión dos terreos, para promover un uso lúdico e un aproveitamento forestal dos mesmos.

O proxecto inclúe a xeración de nova masa forestal, coa plantación de 6.500 árbores, fundamentalmente carballos, para aproveitamento e explotación forestal por parte dos comuneiros da Canicouva, Tomeza e Marcón, que quedarán valados para impedir a entrada do gando. 

Outra pata do plan é a eliminación de especies invasoras e a súa substitución por outras autóctonas. En total, eliminaranse 160.000 acacias, unha especie invasora que hai que retirar unha a unha e cuxo traballo durará uns tres anos, e substituiranse por unhas 4.500 árbores de especies como castaños, ameneiros e fresnos.

O proxecto, cun prazo de execución de doce meses, terá esa vertente produtiva e outra máis lúdica que permitirá xerar un total de 26,6 quilómetros de sendas  marcados por todo o parque, cinco sendas para camiñar e dúas para o seu percorrido en bicicleta, así como tres áreas de lecer e a plantación duns 500 novas árbores pensadas para que doten de sombra con rapidez os espazos xerados para o goce cidadán, entre eles, castiñeiros, carballos, bidueiros e catalbas. 

O proxecto, pensado para xerar espazos naturais para o desenvolvemento de actividades de lecer e tempo libre compatibles con outros de aproveitamento forestal e produtivo do monte por parte dos comuneiros supón tamén un recurso para a loita contra os incendios forestais. O obxectivo é poder empezar o proceso de contratación canto antes e empezar a executalo antes de que termine este ano 2017.