Cunha ampliación do espazo e incorporación de novos elementos de xogo, este venres inaugurábase o renovado parque infantil da pasarela da rúa José Adrio Barreiro, uns días antes da data prevista.
Esta actuación desenvolveuse ao longo de aproximadamente un mes e contou cun investimento de preto de 30.000 euros por parte do departamento municipal de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. Precisamente o concelleiro responsable da área, Iván Puentes, achegábase ata a zona para comprobar o estado do parque na compaña de Manuel Fontán, xefe de Parques e Xardíns, e Mario Viéitez, o responsable técnico municipal do seguimento da obra.
O propio Iván Puentes explicaba a PontevedraViva o resultado desta actuación. "A obra consistiu na ampliación da zona de xogos do parque infantil da pasarela, que era unha vella reivindicación dos veciños e veciñas da zona. O que se fixo foi restaurar os elementos que xa existían, que eran o tren ou os tobogáns, aos que lles houbo que repoñer algunhas pezas. E sobre todo, ampliar en idade e en diversidade o parque infantil", manifestaba o concelleiro.
Os novos elementos de xogo que se instalaron foron "dous muelles, un bambán e sobre todo uns columpios, que eran unha reivindicación fundamental e que respostan a esa idea de diversidade".
O edil socialista detallaba que "un deles é accesible a persoas con discapacidade porque é unha cesta ou rede que funciona a modo de columpio" e os outros dous máis convencionais están adaptados a diferentes treitos de idade: un tipo cesto destinado a bebés e outro para nenos e nenas maiores.
ANUNCIO DE NOVOS PARQUES
A renovación do parque da pasarela de José Adrio forma parte un proxecto máis amplo nesta zona de Pontevedra, que contempla actuacións en varios puntos próximos.
O edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural avanza que "estamos só pendentes dos permisos de Adif para poder iniciarse a licitación da nova pasarela, que está pechada dende que se fixeron as obras do último túnel sobre as vías do tren para a alta velocidade. Imos urbanizar toda esa zona, para transformala nun gran parque e nunha zona verde fronte a esta pasarela tan dura e de formigón".
Esta pasarela sobre as vías do tren discorre pola rúa Doce de novembro, entre a rúa da Estrada e a rúa das Hortas, e daría continuidade como espazo de lecer ao parque infantil de José Adrio.
Unha actuación similar levarase a cabo no chamado parque da Palmeira, tamén na rúa Doce de novembro, "para acondicionar un xardín moito máis urbano", indicaba Puentes.
Ademais, tamén nun espazo próximo, o parque Amalia Álvarez, habilitarase unha nova zona de xogos infantís para desconxestionar a da pasarela de José Adrio e que toda a rapazada poida desfrutar dos elementos de xogo con espazo suficiente e comodidade.