Un trámite pendente do ADIF está frear a construción dun parque infantil no ámbito de Médico Ballina, un equipamento demandado desde hai tempo polos veciños. Por iso, a asociación San Bieito de Lérez convocou unha concentración para o próximo domingo 8 de novembro, ás doce do mediodía, para esixirlle a este organismo a cesión definitiva ao Concello dos terreos sobre o túnel do AVE, lugar onde se debe situar este novo parque.
O Concello, a través dos edís Luis Bará e Pilar Comesaña, participou na asemblea veciñal na que se informou desta convocatoria de mobilización. Ambos sinalaron que os orzamentos para 2016 inclúen a partida necesaria para a construción do parque. Só se está a espera da cesión dos terreos.
Así, avanzaron que a principios de ano presentarase o proxecto do parque aos veciños para que fagan as súas suxestións e pediráselles aos nenos e nenas que fagan as súas propostas, xa que eles serán os principais usuarios.
Os concelleiros aproveitaron o encontro, ademais, para expoñer que ligada ao parque infantil procederase a construción de novos lombos para o calmado do tráfico e modificarase a colocación dos contedores de lixo para a mellor visibilidade dos peóns.
En relación con ambas actuacións, os veciños solicitaron que se inclúa unha cancha de baloncesto e fútbol no futuro parque infantil coa fin de que tamén gocen do novo espazo de recreo os rapaces máis maiores; e a colocación de bolardos en varias beirarrúas xa que os camións e coches aproveitan a súa amplitude para dar a volta e aparcar co conseguinte perigo para os pequenos que xogan alí.