O Partido Popular localiza máis de 300 colectores de lixo obsoletos en Poio

Poio
02 de agosto 2018

Ángel Moldes, portavoz do PP local, denuncia que o goberno bipartito aprobou unha suba de 62.500 euros anuais á empresa concesionaria do servizo, Valoriza, para a instalación de novos contedores sen que se teña levado a cabo. Os populares consideran esta situación un insulto para a veciñanza

Ángel Moldes, portavoz do PP de Poio, ante contedores de lixo
Ángel Moldes, portavoz do PP de Poio, ante contedores de lixo /

Ángel Moldes, voceiro do PP local de Poio, presentaba este xoves o 'Mapa das Mentiras' do servizo de lixo do municipio. Neste documento amosa os incumprimentos que, segundo entende, a empresa concesionaria do servizo, Valoriza, está a levar a cabo en relación ao contrato de recollida de lixo.

Os populares localizaron máis de 300 contedores que se atopan obsoletos e que nunca foron renovados, malia que o goberno bipartito que encabeza Luciano Sobral, teña aprobado unha suba de 62.500 euros anuais para a empresa.

Moldes indica que en parroquias como Samieira e en zonas de San Xoán, Raxó, Combarro e San Salvador, o 95% dos colectores de lixo atópanse sen renovar. Desde o PP de Poio entenden que a empresa está incumprindo prazos e investimentos sen que o goberno local interveña e estableza sancións ou rescinda o contrato.

A oposición indica que algúns contedores carecen de tapas e de rodas. A través dun link, os populares ofrecen fotografías e datos sobre a falta de renovación deste material, que afecta a diversos núcleos en todas as parroquias, sobre todo nas zonas situadas por riba da estrada PO-308.

Ante esta situación, Ángel Moldes responsabiliza o bipartito de todos os incumprimentos e afirma que esta situación é un insulto para os veciños de Poio, que xa pagan o lixo máis caro de toda a provincia.