O secretario xeral provincial, David Regades, mantivo unha xuntanza con cargos municipais e orgánicos das comarcas de Pontevedra, O Morrazo e Ulla-Umia na que quedou clara a necesidade de saír á rúa e retomar o contacto despois da pandemia
O PSdeG-PSOE xa ten a cabeza nas próximas eleccións municipais "na provincia máis socialista de Galicia, na que ostenta un total de 23 Alcaldías e goberna a 600.000 dos seus 900.000 habitantes". Así o expresou Regades.
O encontro sentou as bases das próximas Eleccións Municipais de 2023, nas que "os concellos destas comarcas xóganse continuar avanzando coa axenda progresista que marcan as Alcaldías socialistas e unha Deputación envorcada en impulsar a provincia".
"Queremos pedirlle á xente que vote polas alcaldesas e alcaldes socialistas, pero tamén explicarlles que coa súa papeleta escollen, ademais, entre o 'modelo Carmela Silva', ou sexa unha Deputación moderna que financia 500 obras ao ano en tódolos municipios da provincia e atrae fondos europeos, ou unha Deputación 'tipo Louzán' e 'tipo Baltar', ao servizo exclusivo do PP", dixo Regades.
Durante o encontro deuse conta tamén dos avances no proceso para a designación da lista que acudirá ao Congreso Federal de Valencia, a mediados do próximo mes de outubro, que estará encabezada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e pechada polo secretario xeral galego, Gonzalo Caballero.