O Paseo Manuel Cordo Boullosa péchase ao tráfico para executar a súa reforma

Ponte Caldelas
18 de febreiro 2021

Esta vía permanecerá pechada ao tráfico mentres duren os traballos de mellora. A obra terá un custo de 14.648 euros máis IVE. Unha vez rematada, a rúa pasará a ser de baixada, dende a estrada de Augasantas ata o Paseo da Calzada

Inicio das obras en Paseo Manuel Cordo Boullosa
Inicio das obras en Paseo Manuel Cordo Boullosa / Concello de Ponte Caldelas

Este xoves 18 comezaban os traballos para executar a mellora integral da rúa Paso Manuel Cordo Boullosa, unha travesía que une a estrada de  Augasantas e o Paseo da Calzada.

Durante os próximos días pecharase ao tráfico para levar a cabo o fresado da actual capa de rodadura e pavimentarase e compactará con aglomerado de cinco centímetros de grosor. Tamén se recolocarán as tapas de rexistro e instalarase un paso de peóns con elevación para reducir a velocidade do tráfico rodado.

Ademais, está previsto o pintado da sinalización horizontal e a instalación de sinais verticais. A partir do momento en que os traballos finalicen, a rúa pasará a ser de dirección de baixada, desde a estrada de Augasantas ata o Paseo da Calzada.

O custo desta obra ascende a 14.648 euros máis IVE e a empresa encargada da obra é Construcións Fechi. O alcalde Andrés Díaz achegábase na mañá deste xoves para comprobar o inicio da actuación nesta infraestrutura municipal.