O Pavillón Municipal, en obras desde o luns

Pontevedra
19 de maio 2018

As obras, centradas en mellorar a accesibilidade ao recinto, obrigarán a trasladar provisionalmente as oficinas do Servizo Municipal de Deportes, que pasarán a estar situadas no Teatro Principal

Pista de xogo azul no Pavillón Municipal dos Deportes
Pista de xogo azul no Pavillón Municipal dos Deportes / Concello de Pontevedra

O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra será desde o vindeiro luns 21 de maio obxectivo dunha nova reforma, centrada en resolver os problemas de accesibilidade a unha das instalacións deportivas máis utilizada polos cidadáns.

A mellora prevista afectará tamén á zona de oficinas e palco de autoridades, polo que será necesario trasladar provisionalmente o Servizo Municipal de Deportes. Desta forma estas oficinas municipais situaranse no cuarto piso do Teatro Principal mentres se prolonguen os traballos.

Ao que non afectarán as obras é á actividade deportiva, xa que os usuarios poderán utilizar con normalidade as instalacións.

O pavillón, ideado polo afamado arquitecto Alejandro de la Sota, conta a día de hoxe con algunhas deficiencias en accesibilidade debido á súa antigüidade. Así, o proxecto de reforma contempla melloras nas entradas, a creación de aseos adaptados para persoas con mobilidade reducida e ostomizadas ou a instalación dun ascensor.

No exterior reordénase todo o espazo central de acceso, suprimindo a costa central de entrada ampliando as outras para adaptar a pendente ao 8%. Tamén se habilitará un novo portelo no despacho de billetes adaptado en altura.

Na entre planta é onde se vai a realizar a intervención máis importante, alongando as escaleiras de acceso ás oficinas e actuando na zona do palco de autoridades.

As obras foron adxudicadas á empresa Ediserpo SL por valor de 196.104,03 euros.