O Pazo da Cultura acolle por segundo ano unha xornada sobre a diversidade sensorial

Pontevedra
04 de decembro 2018

A xornada, organizada pola Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia (XOGA), celebrarase o próximo 15 de decembro e reunirá relatores do ámbito educativo, sanitario e asistencial

Presentación da segunda xornada de diversidade sensorial organizada por Xoga
Presentación da segunda xornada de diversidade sensorial organizada por Xoga / PontevedraViva

A Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia (Xoga) prepara a que será a súa segunda xornada de diversidade sensorial e que se celebrará en Pontevedra o próximo 15 de decembro.

No Pazo da Cultura reuniranse profesionais do ámbito educativo, sanitario e asistencial, ademais de persoas con diversidade sensorial para dar a coñecer as súas experiencias e necesidades.

"Con estas xornadas queremos demostrar que a diversidade sensorial non é limitante", sinalou a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, para quen este tipo de discapacidades supoñen "as grandes descoñecidas" e son "invisibles" para boa parte da sociedade.

Iso é o que trata de corrixir a xornada, enmarcada dentro dos actos do Día Internacional da Discapacidade.

Ademais Xoga pretende facer fincapé na falta de regulamentación sobre os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, xordocegas ou con discapacidade auditiva, xa que tras máis de 10 anos da aprobación da lei segue sen aplicarse, ademais de denunciar a invisibilidade da lingua de signos galega.

Xunto á presidente deste colectivo, presentaron a xornada a concelleira de Benestar Social, Anxos Riveiro, a deputada provincial Digna Rivas e o vicepresidente de Xoga, Héctor Heizen.