O Pazo de Besada cobra vida co traslado dos servizos sociais e o CIM o xoves 27

Poio
25 de abril 2023

Os departamentos de Servizos Sociais e Mocidade e do Centro de Información á Muller (CIM) van empezar a realizar a atención ao público nestas emblemáticas dependencias, cuxa rehabilitación e reforma integral concluíu hai uns meses. Esta semana xa se completará o traslado das oficinas

Novas instalacións de sevizos sociais no Pazo de Besada Concello de Poio

Este xoves 27 de abril comeza unha nova etapa no Pazo de Besada. Este palacete da parroquia de San Salvador de Poio acollerá a partir desa xornada a actividade dos departamentos de Servizos Sociais e Mocidade e do Centro de Información á Muller (CIM). 

Estes departamentos van empezar a realizar a atención ao público nestas emblemáticas dependencias, cuxa rehabilitación e reforma integral concluíu hai uns meses.

Esta semana xa se completará o traslado das oficinas que ata o de agora se emprazaban na Casa Rosada e haberá atención ao público en horario de mañá. 

A concelleira de Servizos Sociais, Benestar Social e Mocidade, Rosa Fernández, explica que na planta baixa quedarán habilitadas as oficinas correspondentes a Servizos Sociais, mentres que no primeiro andar se instalarán os e as traballadoras da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Mocidade.

Na primeira etapa tamén se emprazará o Centro de Información á Muller e habilitaranse dous ordenadores para a veciñanza, que poderán ser utilizados para realizar xestións e trámites telemáticos.

A Casa Rosada continuará acollendo actividades lúdicas, tal e como se viñan facendo ata o de agora. 

O Concello promoveu a reforma deste histórico inmoble, que a principios do século XX albergou a residencia do ex ministro de Asuntos Económicos Augusto González Besada, a través dunha achega do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra que superou os 500.000 euros.