O Pazo de Quintáns, camiño de ser o centro organizador de propostas turísticas culturais en Sanxenxo

Sanxenxo
31 de decembro 2019

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia visitaba durante este luns as obras de restauración deste pazo situado en Noalla. A Xunta investiu 15.000 euros no acondicionamento das leiras deste conxunto arquitectónico. A primeira fase da reforma ascende a 1.800.000 euros

Visita de Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, ás obras de rehabilitación do Pazo de Quintáns
Visita de Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, ás obras de rehabilitación do Pazo de Quintáns / Xunta de Galicia

O Pazo de Quintáns atópase en reformas nunha primeira fase que conta cun orzamento de 1.800.000 euros. Este luns o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitaba acompañado polo alcalde Telmo Martín estas instalacións para comprobar o estado dos traballos.

A Xunta de Galicia investira 15.000 euros para acometer a limpeza e o mantemento dos xardíns históricos e dos terreos anexos, un espazo de case 10.000 metros cadrados. 

O Pazo de Quintáns está catalogado como Ben de Interese Cultural. Trátase dun espazo patrimonial situado en Noalla e que, segundo o alcalde, pretende ser unha obra que ofreza alternativas ao turismo máis aló de sol e praia. Segundo explicaba Telmo Martín este espazo someterase a un estudo de uso e de xestión para que se lle dote de actividade diaria de forma que se poña en valor este patrimonio de Sanxenxo.

Desta forma, Martín lembrou que Sanxenxo naceu en Noalla hai 3.000 ano e por tanto, o Pazo de Quintáns quere que se converta nun centro de referencia que lembre a historia da vila. O alcalde mostraba ao vicepresidente da Xunta como desde esta zona é posible ver a entrada da ría de Pontevedra e a de Arousa.

Rueda indicou que "está a facerse unha restauración espectacular" e asegurou que confía en Telmo Martín para darlle a oferta cultural a estas instalacións para que resulten atractivas aos visitantes.