O peche de Raíña Vitoria ao tráfico será efectivo a partires deste xoves

Pontevedra
23 de setembro 2020

O Concello de Pontevedra subliña que esta medida foi acordada coa Fanpa, a Anpa e a dirección do centro, Implica cambios nas rúas colindantes e un plan de tráfico específico para esta zona

Avenida da Raíña Vitoria
Avenida da Raíña Vitoria / Mónica Patxot

Durante a xornada do martes e este mércores estanse realizando os traballos precisos para que este xoves, a partires das oito da mañá, quede a rúa Raíña Vitoria Uxía pechada ao tráfico, entre a entrada ao estacionamento de Montero Ríos e a rúa Palamios.

Segundo o Goberno local o obxecto desta medida é "facilitarlle ao centro de ensino IES Sánchez Cantón o cumprimento do protocolo Covid na entrada e saída e nas horas de descanso".

Nestas dúas xornadas previas estase procedendo a deixar instalados os elementos precisos para a colocación de morróns, así como a sinalización necesaria para indicar tanto a restrición do tráfico neste treito como os cambios que o peche implica nas rúas San Roque, Palamios e Pastor Díaz. Os morróns quedarán colocados entre Pastor Díaz e Palamios e despois da entrada ao estacionamento de Montero Ríos. 

Esta medida implica cambios nas rúas colindantes.

No caso da rúa Palamios establecerase unha liña de servizos e de carga e descarga en fronte da fachada do centro educativo. Na saída traseira do instituto reordenarase o espazo, eliminado a actual zona de estacionamento, para gañar máis espazo público para o centro do ensino e garantir a saída do alumnado en condicións de seguridade.

Na rúa de San Roque, diante da gardería do Toxo, establecerase unha nova zona de servizos, tamén para uso da gardería, mentres que a zona de reserva para o bus turístico quedará establecida na marxe de enfronte.

O acceso ao garaxe da rúa Pastor Díaz 25, que ten a entrada por Raíña Vitoria Uxía, realizarase desde a rúa Palamios.

O plan de tráfico deseñado contempla que a entrada e saída para a praza de Galicia sexa pola rúa Xeneral Rubín. Desde San Roque poderase acceder á entrada do estacionamento soterrado de Montero Ríos e cara a rúa Alameda. As rúas San Xosé e Pastor Díaz quedan restrinxidas a servizos e residentes.