"O peixe máis bonito do mundo" xa ten escultura en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
29 de maio 2016

A escultura da Troita, elaborada por José Ortiz, preside desde este domingo a Alameda de Ponte Caldelas. Ao acto asistiu a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva

Inauguración da escultura da Festa da Troita en Ponte Caldelas
Inauguración da escultura da Festa da Troita en Ponte Caldelas /

Ponte Caldelas conta desde este domingo 29 cunha escultura dedicada á Troita que preside a Alameda do municipio. Con este acto institucional nos xardíns de Xerardo Carballa finalizou a 50ª edición da Festa da Troita que se desenvolveu durante este fin de semana.

A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, asistiu á presentación desta escultura de José Ortiz na que o alcalde caldelán, Andrés Díaz, destacou que a importancia da troita á que cualificou como "o peixe máis bonito do mundo". Ao acto acudiron tamén algúns dos ex alcaldes do municipio convidados polo equipo de goberno. No evento atopábase Jaime Vidal, mentres que Eliseo Lopo, de 94 anos, acudiu ao Concello para desculparse porque a saúde non lle impedía asistir a este acto. Entre o público atopábanse os alcaldes de Vigo, Abel Caballero; o de Oroso, Manuel Mirás e o do Barco de Valdeorras, Alfredo García.

O xornalista José Luis Portela foi o encargado de dar lectura ao pregón polos 50 anos que cumpre a Festa da Troita. "Hai non moitos anos había que coller un mapa para buscar Ponte Caldelas e hoxe saben onde está en toda España", afirmou o pregoeiro.

O alcalde Andrés Díaz destacou no seu discurso a relevancia do escultor José Ortiz, autor da peza metálica que conmemora este medio centenario. A obra alcanza os tres metros de altura e evoca a figura dunha troita saltando na auga. O rexedor tamén destacou a importancia que todos os veciños tiveron na consolidación deste evento.

Ao longo do fin de semana, na carpa que cubría a Alameda déronse cita outras autoridades como a ministra de Fomento, Ana Pastor, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra.