O Pereiro acollerá os actos locais de conmemoración do Día de Galicia

Poio
17 de xullo 2024

Desde o ano pasado esta celebración realízase de xeito itinerante, para dar protagonismo ás zonas máis rurais do municipio de Poio. As persoas que queiran solicitar unha bandeira poden facelo no enderezo electrónico cultura@concellopoio.gal

Presentación dos actos do Día de Galicia Concello de Poio

O Concello de Poio conmemora o Día de Galicia no Pereiro, o xoves 25 de xullo, cun acto institucional que incluirá un recoñecemento a persoeiros e entidades vencelladas ao mundo da cultura.

Seguindo cos cambios introducidos o ano pasado, o lugar escollido nesta ocasión é O Pereiro, "para deste xeito dar protagonismo ás zonas máis rurais do municipio", sinala o goberno local. 

O acto comezará ás 12.00 horas, e incluirá, ademais, as actuacións musicais de Vides Novas e da Asociación de Acordeóns de Campelo, así como o reparto de bandeiras e agasallo conmemorativo ás novas entidades inscritas no rexistro municipal de asociacións, así como ás persoas que o solicitaron previamente no enderezo electrónico cultura@concellopoio.gal

Como principal novidade este ano, segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, inclúese a primeira homenaxe do Concello de Poio a persoeiros e entidades, un recoñecemento á traxectoria e entrega de premios á Entidade Cultural, Ateneo Corredoira de Combarro; Música Tradicional: Vides Novas; e Música Popular: Escola de Acordeóns de Campelo. 

A intención é, engade, recoñecer cada 25 de xullo a labor de diferentes entidades e persoas. "A pesar da importante actividade e tecido asociativo que hai no noso municipio, Poio nunha recoñeceu nin fixo unha mención especial a todas esas entidades que traballan en prol da tradición e identidade galegas", subliña. Por iso, entende que é momento de "facer xustiza e cumprir tamén con todas esas persoas, que de xeito totalmente desinteresado contribúen a promover, difundir e conservar a nosa cultura e encher de vida o noso concello".

A entrega destes premios estará acompañada da exposición "Son Poio, Son cultural local", unha mostra fotográfica, con imaxes da traxectoria e actividade dos premiados.

A Agrupación folclórica Vides Novas participa na recuperación das tradicións galegas. Comezou impartindo clases de pandeireta, gaita e baile tradicional e continuou formando diversos grupos e artistas que con pasarrúas e animación (banda de gaitas, batukada…) desenvolven a súa actividade principalmente nas festas patronais e outras actividades de carácter cultural.

A Escola de Acordeóns de Campelo está composta por 15 compoñentes que interpretan cancións do repertorio tradicional popular (pasadobres, xotas, muiñeiras,..), de maneira participativa co público asistente. A súa actividade céntrase na formación (clases de acordeón para persoas adultos e cativada) e na participación en eventos culturais locais e comarcais e incluso noutras cidades fóra de Galicia con concertos didácticos para a cativada.

O Ateneo Corredoira de Combarro é unha asociación cultural de referencia na localidade. Na actualidade mantén activo un Servizo de Biblioteca e Sala de Lectura e traballa intensamente na recuperación de Festas Tradicionais e na programación anual da Semana Cultural de Combarro que se celebra en agosto.