O período medio de pago a provedores reduciuse a case a metade en Poio

Poio
03 de febreiro 2022

A media dos catro trimestres do último exercicio quedou fixada en 24,32 días, o que supón unha redución drástica con respecto a anos anteriores

Concello de Poio
Concello de Poio / PontevedraViva

O Concello de Poio rematou o ano 2021 cun período medio de pago a provedores que non alcanza os 25 días. 

En concreto, a media correspondente aos catro trimestres (xaneiro-marzo, abril-xuño, xullo-setembro e outubro-decembro) quedou fixada en 24,32 días. 

Cómpre lembrar que a normativa vixente contempla que existe un período máximo de 30 días para a aprobación das facturas correspondentes a este tipo de servizos e outros 30 para efectuar o pagamento correspondente.

O concelleiro delegado de Facenda e Economía, o nacionalista Xulio Barreiro, valora positivamente estas cifras, que son sensiblemente mellores ás correspondentes a exercicios previos. 

"Se facemos unha comparativa desde 2018, que foi o ano no que se estableceron os parámetros actuais para o cálculo deste promedio, a redución é considerable", sinala o edil do Bloque Nacionalista Galego, que salienta, por exemplo, que no ano 2020 "houbo trimestres nos que este tipo de tramitacións experimentaron un incremento pouco habitual, provocado polo confinamento e a pandemia da COVID-19. O cese da actividade fixo que o período se incrementase, pero fomos quen de normalizalo".