O persoal da prisión da Lama pide medidas para evitar as agresións nos centros penitenciarios

A Lama
20 de marzo 2019

O apuñamento sufrido por un funcionario de prisións o luns no cárcere de Soto del Real provocou a reacción das seis organizacións sindicais na Lama, que este mércores se concentraban ante as portas do centro

Concentración de funcionarios de prisións da Lama contra as agresións nos centros penitenciarios

Representantes das seis centrais sindicais con representación no Centro penitenciario da Lama concentrábanse este mércores 20 ás portas da prisión para denunciar as agresións que os funcionarios de prisións sofren con frecuencia no interior dos recintos carcerarios.

Esta concentración xorde tras o apuñamento este luns 18 dun traballador do cárcere de Soto del Real no departamento de aillamento coa intención de solidarizarse coa vítima. O funcionario era acoitelado máis de tres veces cando tentaba axudar a un interno que caera ao chan cando estaba a realizar unha chamada. Finalmente, o traballador lograba salvar a súa vida a pesar das feridas causadas polo obxecto punzante.

Integrantes de Acaip, CCOO, ATP, CSIF e CIG denuncian que na última década se está a rexistrar un crecemento preocupante das agresións ao persoal penitenciario, ata o punto de que se incrementaron un 76% o número de agredidos. Alertan da falta de persoal e do envellecemento do funcionariado nas prisións.