O persoal de Correos prepárase para a folga de xuño cunha petición de sinaturas na Peregrina

Pontevedra
18 de maio 2022

Representantes de UGT e CCOO concentrábanse este mércores 18 na praza da Peregrina para pedir sinaturas contra o desmantelamento e en defensa do correo público. Denuncian o abandono, fragmentación e privatización deste servizo con risco de perdas de decenas de miles de empregos, ademais da ruína económica que o actual presidente da entidade, segundo denuncian, está a provocar

Concentración en defensa de Correos organizada por UGT e CCOO
Concentración en defensa de Correos organizada por UGT e CCOO / PontevedraViva
Causas das protestas de persoal de Correos convocadas por UGT e CCOO /

Os días 1, 2 e 3 de xuño está prevista unha folga xeral en Correos como fórmula de protesta contra o desmantelamento e en defensa do correo público. Os sindicatos convocantes, CCOO e UXT, xa están a organizar un operativo con autobuses para viaxar a Madrid na primeira xornada da folga coa intención de concentrarse fronte ao Parlamento español.

Queren sumar apoios para esta acción na que pretenden, segundo indica Eusebio  Cousillas, secretario provincial de CCOO Correos, dicirlle ao Goberno que xa abonda e que atenda a un servizo de máis de 300 anos de existencia. Ao longo dos dous últimos anos estes sindicatos denuncian a existencia dese plan que provoca o deterioro e perda de calidade do servizo público postal e de Correos.

Por iso están a levar a cabo protestas e este mércores na Praza da Peregrina solicitaban firmas de apoio para defender o correo público. Denuncian o abandono, fragmentación e privatización deste servizo con risco de perdas de decenas de miles de empregos, ademais da ruína económica que Juan Manuel Serrano, o actual presidente da entidade, está a provocar, segundo denuncian os representantes sindicais.

Denuncian que Serrano provocou un déficit de 600 millóns en Correos nos últimos anos, ademais de solicitar préstamos para pagar nóminas culpando aos traballadores da situación económica. Insisten, desde CCOO e UXT, en que as mesas de negociación son un "paripé" e Eusebio Cousillas acusa o presidente de Correos de ser "un hacha en realizar publicidade enganosa" ao vender un servizo que está precarizando.

Os sindicatos entenden que o máximo responsable da entidade está a aplicar ese plan estratéxico de "desguace" para deixar morrer a parte pública, que está regulado por lei para que a cidadanía poida beneficiarse da distribución das cartas. Alertan de que o persoal se atopa recargado nas súas tarefas porque non se cobren baixas nin xubilacións durante os últimos anos prexudicando finalmente ao servizo á poboación.