Na tarde deste venres 18, persoal de Ence Oficinas Centrais liderados por Ana Cedeira, presidenta do comité, acudían ata a sede do Banco de Alimentos de Monte Porreiro para facer entrega dun cheque de 8.157 euros a esta entidade para investir en produtos de primeira necesidade para familias que se atopan en situación de risco debido á actual crise económica.
Trátase dunha campaña que o Comité de empresa de Ence Oficinas Centrais decidiu levar a cabo con motivo destas festas de ceder o importe da cesta do Nadal a este colectivo de axuda social coa intención de que aquelas persoas que estean a pasar momentos difíciles conten con alimentos durante estas festas.
A doazón dos máis de 8.000 euros realizada a Carlos Diéguez, presidente da asociación O Mirador de Monte Porreiro, como representante do Banco de Alimentos simboliza o valor de 205 cestas de Nadal.
O acto foi moi emotivo e os traballadores da empresa recibiron cartas de agradecemento de veciños e debuxos de escolares que se verán favorecidos con esta axuda. Desde o Comité fan un chamamento a outras entidades e persoas particulares para que colaboren con estes colectivos nun momento economicamente complicado debido á pandemia.