O persoal de Pérez Torres Marítima de Marín reclama melloras laborais

Marín
28 de setembro 2022

Desenvolveron unha concentración diante das instalacións da compañía no Porto de Marín

Protesta dos traballadores de Pérez Torres Marítima
Protesta dos traballadores de Pérez Torres Marítima / CIG

O cadro de persoal de Pérez Torres Marítima, empresa que xestiona a descarga de contedor no Porto de Marín, iniciou este mércores unha campaña de mobilizacións para reclamar melloras laborais cunha concentración diante das instalacións da compañía. 

Dende a central sindical CIG explican que "a decisión de mobilizarse foi adoptada despois de que a dirección rompese de xeito unilateral as negociacións" tras meses de conversas para intentar pactar "unha serie de melloras laborais por enriba do convenio colectivo de axencias marítimas", convenio que foi denunciado nos xulgados.

Ao mesmo tempo, anuncian que as protestas desenvolveranse no mesmo lugar todos os mércores até que a compañía acceda a retomar as negociacións co obxectivo de mellorar as condicións de traballo. 

Durante a concentración despregaron unha pancarta rexeitando "as imposicións da empresa" e berraron consignas instándoa a retomar as conversas.