O picnic da discordia

Pontevedra
16 de maio 2015

Presentábase como un dos actos máis amables da campaña en Pontevedra, un pícnic de Tod@s por Pontevedra para reivindicar máis zonas de esparexemento para os cidadáns. Pero o escenario idílico rematou en polémica, con María Biempica conversando con dous policías. Alguén se queixou de que comían pipas e estragaban a herba. Comían gusanitos e xogaban cos seus fillos

Picnic de Tod@s por Pontevedra
Picnic de Tod@s por Pontevedra / Tod@s por Pontevedra

Presentábase como un acto electoral máis, un dos máis amables que se convocou no que vai de campaña en Pontevedra. Tod@s por Pontevedra citou a familias con nenos nunha zona axardinada para compartir un pícnic e dar a coñecer a súa proposta de crear máis zonas de esparexemento para os cidadáns. Pero o escenario idílico que proxectara rematou en polémica, coa súa alcaldable, María Biempica, conversando con dous axentes da Policía Local e un grupo de veciños indignados.

O pícnic empezou a mediodía nunha zona verde situada entre as rúas Joaquín Costa, Travesía da Eiriña e Doce de Novembro. As familias fóronse xuntando, colocaron sobre o céspede mantas e manteis e serviron gusanitos, chucherías, augas e zumes mentres os nenos xogaban nas proximidades. A escena, moi habitual en espazos como o Hyde Park londinense ou El Retiro de Madrid, non adoita verse en Pontevedra e, a teor do que aconteceu este sábado, non gusta a unha parte da sociedade pontevedresa.

María Biempica elixiu ese punto para o seu pícnic electoral porque proxecta nesa zona da cidade un parque subterráneo cunha superficie axardinada que inclúa instalacións deportivas e espazos nos que "uno pueda sentarse en la hierba a leer un libro y que no le miren como a un loco". O mesmo modelo pretende exportalo a outras zonas da cidade de tal forma que a escena do pícnic familiar se xeneralice e se eviten, precisamente, reaccións como a deste sábado.

Poucos minutos despois de comezar o pícnic, unha patrulla da Policía Local estacionou nas inmediacións. Dous axentes apeáronse e dirixíronse aos que o secundaban. María Biempica asegura que o seu trato foi "moi amable", pero non era tan agradable a mensaxe que traían. Un veciño chamáraos queixándose de que un grupo de xente estaba a comer pipas e estragando a herba.

Un voceiro oficial da Policía Local explicou que, cando chegaron e se encontraron o pícnic, decidiron non actuar, pero si trasladaron aos presentes o que sucedera. Había queixas veciñais pola súa actitude e estaban obrigados a acudir, pero non pretendían adoptar ningún tipo de medida.

María Biempica engade esa versión que os policías lle trasladaron que, dada a controversia, se remataran o pícnic, sería máis recomendable que abandonasen o lugar. Non lles obrigaron a irse, pero si aconsellaron evitar un conflito maior prolongando a súa permanencia e trasladáronlle que estaba prohibido pisar a herba.

Pouco despois, levantaron os manteis e puxeron fin ao acto. Non crearon máis polémica, pero Biempica si quere deixar claro que "estamos molestos e indignados. Parece ser que la hierba es de decoración, que no se puede tocar". Acusa de "ridiculez" a reacción que suscitou un acto "totalmente inofensivo" e aproveita para aclarar: non comían pipas, senón gusanitos.