O "Plan Conecta FP Galicia" celebra o encontro territorial de Pontevedra no CIFP A Xunqueira

Pontevedra
15 de febreiro 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou o encontro territorial de Pontevedra no que representantes empresariais e dos centros educativos colaboran para establecer ofertas de formación profesional

O conselleiro de Cultura Román Rodríguez no acto inaugural do Plan Conecta FP
O conselleiro de Cultura Román Rodríguez no acto inaugural do Plan Conecta FP /

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou este mércores o encontro territorial de Pontevedra no que representantes empresariais e dos centros educativos colaboran para establecer ofertas de formación profesional. O acto contou coa presenza de Luís López, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, e Concepción Pereiro, directora de Edugal.

Este foi o primeiro dun total de catorce encontros territoriais. Ao redor de medio centenar de persoas asistiron ao acto, entre os que se atopaban representantes das empresas, dos centros de FP e da administración local. Actualmente son case 3.700 os estudantes que cursan estas modalidades na comarca, repartidos nun total de 89 programas diferentes

No encontro, o conselleiro Román Rodríguez destacou a evolución que viviu a Formación Profesional nos últimos anos en Galicia, posicionándose como unha das comunidades autónomas máis punteiras neste sector xunto ao País Vasco. Clave deste éxito, Rodríguez apuntaba tres indicadores: o prestixio, a confianza e a utilidade.

Os datos expostos polo conselleiro recollen que son máis de 60.000 estudantes os que escolleron a Formación Profesional como opción académica este curso en Galicia. En relación á utilidade, Román Rodríguez afirmaba que "a media de empregabilidade dos alumnos está nun 86%, e se falamos dunha FP dual está case nun 100%".

Segundo o conselleiro da Xunta, estes datos afirman que hai cada vez máis demanda por parte das empresas, xa que atopan no estudantado destas modalidades a profesionais cualificados. "Estamos nun momento de transformación, cada vez son máis necesarios profesionais cualificados, con capacidade de adaptación e capacidades técnolóxicas", afirmaba Rodríguez. 

Para seguir na mesma liña, o conselleiro de Cultura falou do Plan Conecta FP como unha oportunidade de conectar a nova oferta educativa coa demanda das empresas. Para logralo a Xunta estima crear 9.500 novas prazas nos dous seguintes cursos, que sumados á oferta xa existente, farán un total de case 80.000 prazas de Formación Profesional

Para acabar, Román Rodríguez explicaba que a forma de levar a cabo ese plan será a través de tres fases. A primeira é a presentación do Plan Conecta que se levou a cabo este mércores, seguido dunha posta en marcha de grupos de traballo para conectar empresas e centros educativos. Por último está o plan territorial sectorial, que vai definir as diferentes ofertas educativas dos novos ciclos. 

Finalmente, o conselleiro insistía na importancia de acertar na definición de novos ciclos. "Todo isto non pódese facer só. Debemos buscar as sinerxias entre todos para desenvolver este plan". Tras a inauguración, levaron a cabo diversos actos de networking ao longo da mañá para comezar o achegamento e a creación dos primeiros grupos de traballo.